Sunday 05 de May de 2024

Rey destacou o 44 Congreso Nacional da SEDEN como un punto de intercambio nos coidados da enfermaría nefrolóxica


A alcaldesa inaugurou un encontro que reunirá ata o xoves en Palexco a máis de 500 profesionais de todo o Estado e o estranxeiro

A alcaldesa Inés Rey inaugurou esta tarde a cuadraxésimo cuarta edición do Congreso Nacional da SEDEN (Sociedade Española de Enfermaría Nefrolóxica), que reunirá en Palexco ata o xoves a máis de
500 profesionais sanitarios desprazados desde todo o Estado e o estranxeiro. A rexedora destacou a cita por ser un punto de intercambio de coñecementos a prol da mellora do servizo da enfermaría nefrolóxica e polo tanto, dos pacientes, e fixo un recoñecemento público a unha profesión que “moitas veces é deostada ou, alomenos, que non se aprecia o suficiente”.

Rey desexou que do encontro saian conclusións reais para avanzar, “que sigades aprendendo para aplicar o novo aos vosos coidados e que a sanidade se beneficie da vosa experiencia porque será un éxito para toda a poboación, que pode dicir que está, que estamos, en boas mans”. A Sociedade Española de Enfermaría Nefrolóxica organiza un congreso, no que se abordarán cuestións novidosas referentes a un servizo, que será analizado desde varias perspectivas que trascenden o ámbito hospitalario como o uso das redes sociais na humanización do mesmo. O obxectivo pasa por estimular a participación dos profesionais e o debate en beneficio dun sistema sanitario para o que se necesitan tantos recursos materiais como humanos pide a demanda, segundo recalcou a alcaldesa.